E ollo cos tópicos

6 Outubro, 2010 (12:21) | Sen clasificar

O meu consello: por moito que creas nos tópicos non tes porque ir por aí pregoándoos. Os tópicos, ou estereotipos, son aqueles coñecementos que máis se parecen a lercheo dentro do que consideramos sabedoría humana.

Onte mentres saía dun deses bares da perdición que temos no mundo unha amiga parou a falar cunha fermosa rubia. Sabido é que teño tendencia a ir a elas como unha mosca cara a luz ultravioleta dos aparellos estes exterminadores de moscas. Na cociña do hotel hai un destes e aparte de ser bastante discreto en cada descarga ten na parte baixa unha cunca de recepción de cadáveres para que non caian sobre o chan ou a comida. E estaba eu alí e claro que me acheguei. A conversa fluía en inglés. Esa lingua que o meu alemán loita por facer desaparecer do meu cerebro ou cando menos hibridar ata facela inoperativa. A roxa tiña máis posibilidades de sair adiante sen coñecer a miña voz pero mirou para min e preguntoume quen era. Entón a miña colega, coa que estaba falando, introduciume (encantanme este tipo de palabras giris). Eu axiña dixen que era galego e ela afirmou ser irlandesa. Quen non soñou cunha irlandesa roxa de fermosos ollos azuis? Pois eu falei con ela a outra noite. A conversa pasou a castelán. Comezaba a ter mellores opcións. Sorprendentemente ela falaba francés e castelán fluidamente. O meu francés aínda está por nacer pero en castelán teño algunha experiencia ;)

Como bo galego fanfarrón sempre que topo con alguén de irlanda pregúntolle de que parte vén. Son deses que pensamos que o mapa de Irlanda vén de serie nos nosos cerebros porque oio ás veces os Chieftains e gocei con filmes como Michael Collins ou O vento que axita a cevada ou sei distinguir unha uilleann pipe das outras gaitas do mundo. Entón ela contoume que era do norte, sen intención de aprofundar moito no tema. Non puiden reprimir preguntarlle se era británica (en fin, son así de simpatiquiño) e ela respondeu que era ela tan británica como eu toureiro andaluz. Sabía do que falaba. Entón claro, un imaxina que acaba de topar cunha pobre roxiña, de ollos azuis, irlandesa do norte, que sabe de Galiza e das diferenzas dentro de España, que fala español e que está neses momentos a falar comigo. Non se me ocurriu máis que continuar a conversa polo camiño costento do tema irlandés e con sorna pregunteille se ía moito polas igrexas protestantes. Aí comezou a deteriorarse a situación. Ela dixo que era protestante, que non era unha garruliña católica de Belfast senón que ela vive nunha granxa con 5 casas e menos de 10 veciños onde todos son protestantes e que pensa que só os vagos que non traballan se dedican a tirarlle cócteles molotov aos soldados nas rúas de Belfast. Que iso é cousa de pobres e que non vai con ela.

A roxa seguía a ser fermosa ata extremos apenas antes soñados pero resultou ser un dos malos. Todos simplificamos a nosa realidade e simpatizamos en conflitos que non miramos tan alleos cun dos bandos. Non deixan de ser estereotipos. A min gustaríame que Irlanda fose un país libre de norte a sur e de leste a oeste pero realmente eu non pisei aínda a illa dos fillos de Mil e ocórreseme agora que os irlandeses do norte terán tamén algo que dicir nesta discusión. En fin, que non gañei unha inimizade porque a xente, ás veces, conta 10 segundos antes de falar. Non coma min. Pero rachei o meu estereotipo de roxa fermosa irlandesa ao coñecer unha fermosa roxa unionista irlandesa do norte.

Vivir mancha, estamos niso.