Ser un giri no teu país

19 Setembro, 2010 (11:33) | Sen clasificar

Pois ás veces custa imaxinalo pero cando falas nun idioma que non é oficial no estado que che dá os papeis pode suceder que sexas un giri no teu propio país. Cando saquei o carné de conducir, hai anos, tivera unha alegría que pronto se convertera en desilusión. A primeira fora: O exame vén impreso bilingüe. A segunda: nin o castelán nin o catalán son a lingua na que me sinto eu cómodo.

Onte paseaba as miñas curiosidades á beira dunha rapaza francesa. Unha muller de fermosos e cristalinos ollos azuis. Que me contaba cunha expresión algo tristeira que ela non fala a lingua dos seus avós. Si, é dunha rexión da Alsacia que en menos de 100 anos foi varias veces da Alemaña e da Franza e que actualmente é francesa de lingua. Non de cultura, segundo ela me enteraba. Dicíame con pena que non entende aos seus avós cando falan porque falan unha variante silvestre do alemán e que para ela o alemán, despois de 9 anos de estudo, era unha utopía inalcanzable. Nalgún momento da súa infancia os seus pais decidiran que ela non tiña que saber o alemán de Alsacia. E malia as protestas da súa avoa “Por que a neta non fala coma nós?” . Ela quedou fóra da súa cultura.

Contaba ela que ao vivir no estranxeiro descubriu que non era unha francesa normal e que cando está na Alemaña ou Austria as tradicións e festas que observa son iguais ás do seu concello, que ten menos de 2000 habitantes. Os mesmos mercados de Nadal, as mesmas receitas de cociña, os mesmos días festivos… pero ela quedou fóra por unha decisión dos seus pais que ela non consegue superar agora.

E todo comezou cando falábamos que cando nos preguntaban as cousas típicas da nosa terra, nos cursos de alemán, nós sempre tiñamos que quedar calados esperando a que o compatriota as dixese. As caras que lles quedan aos outros compañeiros cando dicimos que no meu pais o máis típico eran as festas coa gaita era de mofa, e moito máis cando era español o que miraba. Co tempo aprendemos a quedar calados para que outros falasen de touros, paellas, sangría, gazpacho, o rocío, a feira de abril e as cousas paralelas de Franza. Deixámonos negar para que non nos miren mal. Desgraciadamente nin Alsacia nin Galiza son Bretaña ou Cataluña.