Currywurst conxelado

22 Agosto, 2010 (15:35) | Imaxes

Alemaña é coñecida, ou non, pola súa comida en todo o mundo. Todo o mundo fala das súas salchichas e das súas cervexas. Eu declárome fan delas pero non quedan aí as cousas ricas alemás (e non me refiro ás louras en Ferrari). Outro día falarei dos embutidos e das comidas tradicionais de Baviera. Cousa rica, chico. O que é estarrecedor é ver como esta xente atlética coma a alemá e sanota ten unhas seccións nos supermercados inmensas adicadas aos conxelados, moito maiores que as dedicadas a produtos Bio. Haiche de todo conxelado e listo para comer microondas mediante.

Onte paseaba o meu tempo de lecer polo atafegado supermercado do lado da miña casa. Moitos pensarán na realidade do estereotipo do planificados que son os alemáns pero cando é sábado (ou véspera de feriado) na última hora de apertura de supermercados están sempre cheos e con clima pre-bélico. E mentres a xente fluía, rapinaba, vixiaba os movementos da outra xente para saber que podería ser bo levar para a casa, eu paseaba polo supermercado deleitándome coas rarezas gastronómicas que se ofrecían. Basicamente para rir, que para iso ben valen.

Cando no terceiro conxelador topei o Currywurst conxelado (o Currywurst é unha comida fast food alemá, ainda que máis tipica do norte, que se vende nos postos de comida das rúas, aquí o artigo na wikipedia) da foto e por menos de 2 euros primeiro rin e logo decidín xogarme a vida levándoo para a miña. Ao chegar, non tardou en virme a lareca e despois de abrilo e polo no microondas 4 minutos atrevinme a probalo con bastante bo resultado malia ás reticencias e preocupacións do compañeiro Castiñeira e as miñas propias. Como non me fiaba un pelo decidín non publicar por aquí a bondade (de sabor, enténdase que non é a panacea da saúde) deste prato ata o día seguinte ás tres e media que vos escribo. E agora xa podo dicilo, estaba ben bo e non me deu mala noite nin peor mañá. Co cal, os valentes visitadores de supermercados alemáns poden descubrir unha nova dimensión dos conxelados pouco saudables con este Currywurst.