estratexias de acoso e derribo na noite muniquesa

21 Agosto, 2010 (16:39) | Múnic

Non é que eu as aplique, estou superfeliz na miña asexualidade de giri, pero os ollos aínda non me caeron da cara e malia á calor, a noitebreguidade, e algunha que outra beberaxe que me deron a probar xa é por varias noites que mirei como se move o tema acoso e derribo na católica e naturista cidade de Múnic.

Foi un sábado cando máis amigos do xénero masculino fixen. Integreime alegremente nun grupo de mulleres destas terras para festexar o fin de carreira de Anna, muller encantadora e que ten mozo galego e con tal motivo e de maneira natural comparte connosco idioma. Alá me sumei con Bárbara e máis xente :) Por azares da vida esta noite eran todo mulleres e eu o home afortunado que as acompañaba. Fomos cear a un restaurante xaponés, onde tomei unhas amorosísimas vieiras grelladas (alí puña vieiras pero eu xuraría que eran unhas marabillosas zamburiñas) e polo, ambos mergullados en cadansúa riquísima salsa. Tamén acabamos por tomar uns “chupitos” dun licor xaponés que nos perdoou a vida. Nunca se sabe que vai pasar cando pides un alcohol que non sabes que é. Ademais de que a perfecta edición bilingüe alemán-xaponés da carta aos meus ollos esclarecía ben pouco. Sempre me fai graza que na carta pon a cantidade exacta de bebida que trae o copo. Neste caso puña 150 mililitros. Eu non me dou feito unha imaxe, pero a cantidade que trouxeron non era tan roñosa como cabería incluír. O prezo era inmenso en comparación. Acabada a cea alá nos fomos, metro e choiva escasa mediante, ata un garito chamado Erste Liga que é unha sorte de Maycar coas paredes iguais á facultade de filoloxía de Compostela e unha chea de rapaces tentándolles entrar ás colegas sen ningún reparo e aínda menos éxito. Iso si, as miradas de cariño que me botaban ao liscar ignorados de onda elas case me conmoven.

Fáiseme case máis violento ver como as mulleres non responden ás súas falas e continúan bailando coma se o espazo que ocupa o acosador estivese só ocupado por aire que a maneira tan pouco sutil de entrarlle que teñen os rapaces. En canto non lles responden nada á quinta pregunta danse por vencidos, non sen antes adicarme unha desas miradas cariñosas (por ser eu o único rapaz entre tanta muller). E é que non me estraña nada. Cada unha delas é máis guapa ca anterior e eu no meu estatus de amigo asexual co que practican linguas romances pásoo ben imaxinándome ser un Koala.

Tamén é certo que se elas non ligan, porque non queren, eu non me como un rosco porque a ver quen é a bonita de cara que se achega a falar cun giri tan ben arrodeado. E digo a ver quen se achega porque eu ando un pouco farto das mulleres. Non no sentido de ter probado tantas que non quero máis, que va. Só farto no sentido que miro para elas e non miro máis que problemas con sorrisos marabillosos. Non sempre se está preparado para unha aventura nova. O sorprendente é que as mulleres nesta cidade toman a iniciativa. Van a por un sen problemas. Eu fago o que podo por entender o que me din (chamémoslle o argumento), pero o asunto está claro. E tanto lles ten que fale peor que un nepalés. Non pasa sempre, pero desde logo pasa máis que en Santiago e é unha das avantaxes de vivir nestas terras.

En fin, que as miñas extratexias de acoso e derribo desde que son un giri consistiron en escapar das feas e falarlle baixiño ao ouvido ás guapas que se achegan. Síntome unha princesa :)