para comezar as exploracións do mundo

20 Agosto, 2010 (11:35) | Imaxes, Múnic

Cando unha persoa con ansias de ver mundo chega a un novo punto ten que estabelecer un novo punto de referencia segura sobre o que cartografar no seu cerebro os seus novos descubrimentos e que lle permitan non volver a descubrilos un par de días despois. Que se saiba onde están e como chegar. Parece unha divagación excesivamente teórica e simplista pero non deixa de ser certa.

Cando imos de turisteo por uns días a unha cidade o noso punto de referencia adoita ser o lugar onde pasamos a noite (en galemán: übernaghtamos) sobre todo para poder chegar a el de volta. Cando un medra nun país normal a cultura fai que non sexamos exploradores dos lugares máis coñecidos, porque entran polas conversas dos viciños, polos escritos aos que temos acceso, polas cancións… Coñecemos algúns puntos do país sen ir a eles porque son parte de nós. Quen ten os collóns en Galiza de dicir que aínda que non foi á praza do Obradoiro, ou á Torre de Heracles, ou á muralla de Lugo non as coñece?

Eu cando cheguei á cidade tiven que ir tecendo coma Penélope unha tela de coñecementos espaciais, que algunhas veces quedaron na miña memoria e me axudaron a guiarme pola cidade. Para min a referencia de todo é o edificio da universidade Ludwig Maximilian. Que é ben linda e está en Ludwigstrasse, a rúa máis fermosa do mundo na miña maneira de ver. Ademais, é na liña de metro onde eu vivo e Ludwigstrasse fai unha especie de ecuador entre a cidade e o Englischer Garten, que ocupa case todo entre a súa beira leste e o río Isar. A partir desta rúa monumental comecei a descubrir a miña cidade actual.

E diredes: A conto de que vén todo isto? Porque aínda que as persoas normais fagamos este tipo de medicións a ollo, puntos de partida desde onde comezar as nosas observacións do mundo os cartógrafos tamén así o fan. Acabo de descubrir o punto central da cartografía española. E non é Madrid. Nunca mirastes un desas estruturas raras nos curutos dalgunhas montañas que sempre poñen que son puntos xeodésicos e poñen a elevación sobre o nivel do mar? Pois eu hoxe erguinme preguiceiro e saltei as miñas aulas de alemán e busquei como se mide a altura sobre o nivel do mar xa que o mar non para quedo e non ten a mesma media no atlántico como no mediterráneo e moito menos á altura do ecuador. Vale, si, son raro e a xente normal cando colga clases dorme máis ou se vai de festa (que hoxe temos un dia ben chulo). Eu andei por aí a buscar, como se facía e fai a día de hoxe este tipo de medicións. Co Google maps, os GPS e a cartografía moderna supoño que será máis fácil aínda que supoño que se dedicarán exclusivamente a cortar e pegar os datos obtidos antes pola cartografía pre-GPS no que abrangue á elevación sobre o nivel do mar.

E cheguei a saber que a elevación sobre o nivel do mar en España, que foi elaborada polo inocente e desinteresado exercito español de terra, está medida en referencia ao terceiro chanzo da escalinata do concello de Alacante. Isto supoñendo que a escalinata siga sendo a mesma nesas terras de tanto urbanismo desenfreado. Gustaríame ir a Alacante só para ver esas escaleiras. Faríanlle unha rampla para acceso de minusválidos e se cargarían con iso parte da referencia? Decidirían que eran unhas escaleiras que caían de vellas e decidiron facer unhas novas moito máis axeitadas ás novas tendencias ignorantes de que son unha importante referencia cartográfica? Estou por xurar que ese chanzo xa non existe, ou que variou a súa posición orixinal a base de mulleres e homes con sobrepeso, e sen el, que pisan cada día esa referencia xeográfica ata desdibuxala.