os alemans e a súa fachenda

9 Agosto, 2010 (00:00) | Sen clasificar

Nesta xornada resacosa dominical, e baixo unha boicotadora actividade meteorolóxica non agardada ata a noite (a chuva desta tarde) o Fran dixo algo que eu levo pensando xa unhas semanas. O escándalo polo das mortes da Loveparade non fai máis que destapar algo que está aí pero ninguén fala sobre el. Os alemáns son tan chapuzas como o resto dos seres humanos aínda que nunca o recoñecerán.

Dicía el que se morresen 2 alemáns nun evento semellante organizado en Alacante (por pór un exemplo ao chou) eles dirían que é culpa da falta de organización e seriedade que hai en España e estarían tempo e tempo escandalizados coas chapuzas e falta de seriedade dos españois. Pero como foi en Alemaña, onde sucedeu este desastre, pasan por alto este tipo de comentarios e pregúntanse incrédulos que terá pasado para que isto suceda en Alemaña.


Dicíase hai tempo que o país máis orgulloso de si mesmo era Franza co seu famoso chauvinismo e eu penso que hoxe en día este país con exceso de autoconfianza, fachenda e autoconceito de certa superioridade é Alemaña. Cos seus preconceitos sobre o resto do mundo e sobre si propios que eles mesmos se cren e fomentan. Non son máquinas perfectas, non son fríos, non se organizan mellor, non son máis listos. Eles pensan que son diferentes e por suposto mellores pero en realidade son como calquera outro pobo ou comunidade. Ás veces asústanme co seu autoconceito infantil de invencibilidade e superioridade.

Por outro lado, é evidente que teñen moita mellor sona que os países do sur de Europa, e os seus soldos dánlle varias voltas aos nosos. As súas marcas tecnolóxicas gozan de amplo prestixio e recoñecemento e o seu traballo está máis valorado que o noso. E sabendo que sempre está mal entrar en xeneralizacións atrévome a facer un xuízo da diferenza principal entre os alemáns e os galegos, eis:

A diferenza fundamental entre os galegos e os alemáns é que os galegos sabemos que non somos perfectos e podemos vivir con iso.

Dixen.