Curiosidade na biblioteca de romanisticas

29 Xullo, 2010 (20:51) | Múnic

Pois si, hoxe non vou falar da miña quase-litúrxica visita ao dicionario xerais, na sección de variedades do portugués. Tamén non teño unha grande historia a compartir. Só algo que me chamou a atención e quería deixar por escrito. Esta semana fun varios días pola tarde á biblioteca de romanísticas da universidade de Múnic. Coa coña, a algunha persoa xa coñezo aínda que sen demasiada confianza. Xente coa que falo en español, que ás veces é un alivio. Hoxe notei o meu alemán máis pobre do xa habitual e por iso teño que seguir pasando pola biblioteca.

Son persoa de costumes e case sempre sento na mesma mesa. Hoxe, cando cheguei mirei que a miña mesa parecía ocupada, había un libro sobre a mesa. Hai xente que deixa os libros sobre a mesa durante varios días, e así non ten que ir a buscalos durante todos os dias que precise con eles traballar. Sempre coa súa notiña explicando ata que dia estaría ben que deixasen os libros e pedindo que non os movan. Algún confiado deixa o portátil abandonado durante horas, pero iso agora non vén a conto.

Pois na mesa onde eu sento normalmente hoxe había un libro. abandonado e sen nota ningunha pedindo nada. Quedei chocado. O libro tiña algo que me chamou a atención. Non era o título, que logo lin Nationalismus and regionalismus in Spain. O que me chamou a atención era unha grande bandeira galega que formaba parte en solitario da portada. Curioso. Ademais, malia ao título xenérico fala case exclusivamente do caso galego e centrándose na nosa lingua. Con colaboración de Regueira e en inglés, ao principio pensara que mellorara moito o meu alemán porque entendía todo.

Comenteillo á rapaza coa que falo ás veces. Ela sabe que son galego e pouco máis. E ela preguntoume se tiña que ver con Franco. hehehehe A palabra nationalismus é asociada ao feixismo nestas terras. Expliqueille que non e vina tan peixe que non me deu impresión de que o puxese alá ela e estivese agora disimulando. Senteime na mesa do lado e agardei que alguén se achegase a collelo. Non apareceu ninguén e en canto rematei o meu choio e me fartei do libro intelectualísimo que estou a ler, Macho man, erguinme e saín pola porta.

Din que a enfermidade mental por excelencia dos galegos, ou o trazo fóra da normalidade das mentalidades galegas, é o pensamento paranoide. Aquilo de pensar que sempre hai algo máis detrás dun feito, moitas veces, casual. Hoxe sentinme gratamente paranoide. Quen andará metido nese tipo de libros? Animábame eu a axudalo, carallo.

Non somos tan invisíbeis. A fin de contas: existimos.