A vida do inmigrante

27 Xullo, 2010 (23:46) | Múnic

Pois si que estamos bos. Eu cheguei a este país pensando en ser un giri de ollos abertos e sorrires perennes. Nalgún momento pensei que sería como un Erasmus que vén estudar o alemán. En realidade e despois dun tempo de relax descubrín que son un inmigrante. Aínda ben que malia ao lio da miña ex teño os meus coleguitas por aquí porque cando me puxen a buscar traballo descubrín que a vida non era tan fácil como aparentaba.
Coa chegada do desxelo comecei a buscar choio e direivos que me dixeron que non ata para vender bocatas cutrirmos nuns postos terríbeis que hai na estación de trens. Iso si, algo de categoría teñen porque venden churrasco a 3.50.

Hoxe coñecín unha compañeira de traballo nunha entrevista para outro choio. O mundo é así. Ela traballa no mesmo hotel ca min polas mañás e eu polas tardes. Os dous fomos hoxe a unha entrevista para ser mestres de español nunha academia que apunta boas maneiras. Ten boa pinta pero co conto de que eu liscarei para a terriña en cousa de menos de dous meses e as cousas de palacio van devagar ;) supoño que non choiarei nesa empresa.

Cando cheguei, pasaban cinco minutos da hora sinalada e xa estaban dúas mulleres fronte á entrevistadora. Realmente non preguntou nada raro e a xente como é timidiña deixou para min a pregunta de canto se cobra por hora. Non é unha miseria pero como hai que facerse autónomos é unha boa liada. Ao saírmos da academia acordamos os tres ir tomar unha para falar. Somo tres persoas e con cadansúa historia paralela. Moito frío papamos e a moitas portas chamamos desde a nosa chegada, mais ou menos todos a comezos de ano, para que nos desen un choio. Afortunado eu que sei que é só por un tempo limitado. Outros fan deste estres a súa vida. Cando volva a Galiza terei claro o significado da palabra inmigrante, aínda que eu son un sorridente giri-inmigrante outros malviven así as súas vidas.

Sendo branco, cidadán da Unión Europea e (porque non dicilo) ben ghuapo ;) atópaste cunha chea de problemas… non quero imaxinar a vida dos outros, dos menos favorecidos. Hai que axudar aos que veñen de fóra. É a lección destes meses. Ben, tamén outra: a diferenza fundamental entre os galegos e os alemáns é que nós sabemos que non somos perfectos e podemos vivir con iso.

Como estraño o Barrantes para poder dicir con máis peso estas frases tan sentidas.