Cando te sintes como un extraterrestre abducido

23 Xullo, 2010 (16:48) | Múnic

Ok, a miña experiencia universitaria en Múnic consistiu na asistencia a un par de palestras, a por un par de anuncios para tándem, asistir a un filme en portugués xunto aos alumnos das materias de portugués do Brasil e en pasar algúns días na biblioteca de romanísticas. Con algún que outro momento friki de adoración do laranxa Xerais no medio dos vocabularios dos diferentes crioulos portugueses no mundo. A colocación do dicionario resultárame chamativa pero o máis peculiar de todo isto non foi onde estaba senón a estraña relación que tivemos ese dicionario e mais eu. É certo que considero que falo galego cada vez que falo portugués cos amigos brasileiros, de feito, por momentos non me esforzo demasiado en impostar un sotaque lisboeta ou brasileiro. Pero claro, moitos días a miña relación co meu idioma consistiu en soster un xerais nas miñas mans. Que manda carallo!

Quede claro que son un Giri e non un Erasmus. Todo o que eu fixen na universidade é porque me resultou interesante e non unha obriga. Tiven boas persoas introdutorias nese ambiente tanto aborixes muniquesas, como brasileiros e mesmo o erudito Briaxis, bo compañeiro galego nestas terras afastadas do noso.

Onte estaba anunciada unha palestra dun profesor alemán sobre Santiago (cidade e apóstolo). Unha boa oportunidade para quedar coa Barbara e a Anna e de paso testar o meu alemán e a perspectiva erudita alemá sobre a miña cidade e a súa historia. Os dous resultados foron desalentadores. Non entendín grande cousa. Iso si, dánlle credibilidade á prédica do apóstolo na provincia de Hispania e á descuberta do seu sartego. Flipei con iso. E non me quedei menos flipado cando como parte do contexto histórico de Santiago tómase por certa e histórica o relato do “asturiano do Pelayo” e a carallada da reconquista. Cría que xa todos tiñamos claro que en Galiza non houbo reconquista, porque nunca houbo conquista, non houbo repoboacións porque nunca houbo despoboamentos e xa “lo más” que un asturiano imaxinario, e a pedradas, non foi conquistando metro a metro nada contra os españois de filiación musulmá.

Niso sentinme medio giri no tempo. Pensaba que esas ideas estaban máis que superadas. E son as que se ensinan da nosa historia aos estranxeiros, perpetuándoas. Cousa triste.
Finalmente deime conta de que era un extraterrestre cando ao rematar a palestra e malia a que non entendera moito e que o que entendera non me gustara dispúxenme a aplaudir ao profesor e todo o mundo comezou a petar nas mesas cos puños. Eu flipei. Mirei con cara de sorpresa para a Barbara. Rápido me dixo que os universitarios aplauden así. Eu flipei. A iso é ao que chaman cultura, á serie de coñecementos que todo o mundo coñece previamente ao que sucede. Gustoume sentirme un alieníxena nese momento. E é que ser un giri non deixa de ter a súa graza :)