A final

12 Xullo, 2010 (16:49) | Múnic

Pois non podería ser doutra maneira. A final de España contra Holanda hóuboa que ir mirar. O plan orixinario era ir ao Public View. Lendo así por riba da páxina web de Olympiapark parecía que abrían o estadio para que a xente mirase o partido nas súas grades a través dunha macro-mega-pantalla-xigante. Non soaba mal pero unha vez máis demostrei ante coreana e húngara que non me decato demasiado. Cando chegamos á porta do Olympiastadion a xente gardaba a súa vez dunha maneira un pouco sospeitosa de pagar entrada. Inocentemente e no meu atrapallado alemán pregunteille ás compañeiras de aventura se había que pagar entrada e a húngara Diana dixo que si, que eran 7 Euro e que xa o puña na mesma páxina que eu consultara. Que ollo teño! Ela viña sabéndoo e pensando que me facía ilusión pagar por ver a final. Nada máis lonxe da realidade.


Por primeira vez na historia quedáramos cedo, con tempo suficiente para unha rápida reacción. Claro que todo é relativo, estando nun periférico parque no norte a 15 minutos do comezo do centro da cidade. Foi entón que recordei que a intrépida Verena traballa estes días nun mercado de verán (o Tolwood) que hai a pouco menos dun quilometro do estadio. Supuxen que coa obsesión que hai nestas terras co mundial non faltarían bares con pantallas para mirar o partido. Arriscándome á segunda cagada en tan pouco tempo adentrámonos no parque e chegamos a ese poboado estraño. Unha especia de asentamento integrado no bosque onde se vende comida e bebida de todas as orixes imaxinábeis e tamén obxectos de coiro, alfaias, roupa, cousas Bio, e de todo en xeral. Unha feira nun bosque moi ben montada. Creo que é o mais Hippie que topei en Múnic. E iso que só podería lembrar moi remotamente ao Hippismo. Nada que ver cos caóticos acampamentos nos piñeirais de Ortigueira cos punkarrillas e as súas mandas de cadelos e meniños. Por sorte topamos pronto lugar e pantalla. Iso si, o Pfand (unha especie de fianza polo vaso que levas coa consumición) era de 2 euros!

O partido en si non foi grande cousa. Hostias para aquí e para alá, o árbitro repartindo cartolinas ou mostrándose máis tímido segundo o momento, e os dous equipos facendo de todo menos meter goles. E despois de agardar e agardar por fin chegou o gol do Hiniesta. E hala! España campioa do mundo de fútbol. A verdade é que a min a esas alturas xa tanto me daba, coas birras que tomara o único que quería era que metera algún dos dous equipos para que acabara aquel partido. Iso si, a xente comportouse toda normal. Alá na esquina unha rapaza sacou unha bandeira española e a puxo por riba. Pouca cousa. E cando marchaba un par de giris que case non acertaban case a dicir ben as vogais berraron un viva españa, que desta vez non soou tan feo como cando ando pola miña terra. Ben pavera aquela parella.

Seguro que vós non tendes unha experiencia tan civilizada do evento. Eu vivino así, e logo na cama ninguén facía ruído fóra. Só algunha que outra mensaxe a chegar aos meus móbiles.