O España – Alemaña

10 Xullo, 2010 (13:16) | Sen clasificar

Pois por coñitas da vida andábavos eu por terras patrias, isto é da Galiza, cando foi o morboso España – Alemaña. Recoñezo que a min o fútbol dame bastante igual. Nesta ocasión tiven a posibilidade de contemplar o ambiente futboleiro na Galiza e en Baviera e hei de dicir que aínda que as bandeiras españolas nunca foran tantas nas cidades que visitei (Vigo e Compostela) eran moitas máis en número as bandeiras alemás e de todos os países (porque Múnic tenvos xente chegada de toda a parte) que se contemplaban na entregada Baviera.

Supoño que, como citaba o Castiñeira nalgunha parte puntual do seu libro Seica chove, lectura que gocei recentemente, haberá lexións de nenos traballando de maneiras ben feas en países como India ou China para que os descerebrados europeos saquen para fardar eses farrapos luxados pola historia e os preconceitos que fan esquecer a crise e os problemas reais á xente. Eses nenos cobran cantidades miserentas mentres arruínan o seu futuro lonxe das escolas e sen garantías ningunhas de seguridade laboral.

Pero prescindindo do das bandeiras e bubuzelas e a escravitude á que condenan a lexións de nenos, quería falar do partido. Eu oíno no coche, camiño de Compostela, e posteriormente ignoreino mentres quedaba de fondo para saber como acababa. Durante o tempo que me levou oílo na radio sorprendíame cos esforzos (bastante ridículos) que se facía na radio galega por pronunciar correctamente os nomes dos xogadores alemáns mentres non paraban de dicir Alemania, Sudáfrica, ejemplo, ha feito… (e non me digan que eses erros non son ideolóxicos). O lugar onde estivo de ruído de fondo a segunda parte era a miña antiga casa e alá vos estaba nun reencontro coa miña antiga (e futura, volvo a Galiza) compañeira de piso. Non compartimos só palabras, tamén negroni e un fuet ;). E mentres os millonarios suaban en África e a malta berraba nos bares nós artellamos a noite cos demais amigos e arranxamos o mundo. Cousa que a xente non fai pola Alemaña, polo menos non comigo.

Despois de que acabase o partido, case sen nos dar de conta, saímos ao encontro do mundo real. Non había os festexos de Baviera pero de cando en vez pasaba algún monas facendo ruído e non tardamos máis do necesario en chegar ao lugar de reunión. Alí foron aparecendo caras que se botan de menos e músicas que se bailan elas soas. Graciñas a todos os que viñestes e tamén aos que non puidestes. Algún que outro leitor do blogue apareceu coa camisola de Alemaña, seica a vendían nunha tenda de Inditex a bo prezo. Unha noite ben fermosa, fixémola nós e non viu prefabricada desde a factoría de ficcións de Suráfrica.

Iso si, perdón polos meus desatinos á hora de cantar, beillar e aporrear o acordeón.

Pronto teremos máis :)