Dachau

26 Xuño, 2010 (22:06) | Imaxes, Múnic


Desde que fixen a miña visita ao Campo de Concentración de Dachau sei que teño que compartir convosco a historia. Non lle poño adxectivo a Dachau, como non llo poño aínda á historia.

Os alemáns teñen unha culpa colectiva que expurgar que algúns levan con mellor maneira que outros. Cando sae o tema dos nazis comeza a escenificación dese momento do credo en que a xente golpea suavemente co puño pecho a parte do peito que defende o corazón. Non é bonito de ver pero é así.

Nesa parada fantasmagórica de tren, que xa case a leva o vento e o tempo da mesma maneira que parte das vías que xa non están sobre o chan, baixaron persoas de moitas condicións. Inocentes ante os ollos de calquera lei xusta e culpables de ser diferentes, espellos dunha pluralidade que se quixo facer desaparecer. Que se quixo asasinar e exterminar.


Dachau é en si mesmo un dos topónimos máis malditos de Baviera. Xa nas datas en que funcionaba a pleno rendemento escoitar esa palabra causaba arrepíos a calquera. Cando pensei en buscar as miñas primeiras referencias comúns en google entre Galiza e Múnic quedei de pedra ao observar que as primeiras entradas eran os asasinados ou presos galegos. E é que esta máquina do terror funcionou perfectamente e como nos mellores restaurantes, tiñan de todo: xudeus, homosexuais, militantes de partidos de esquerdas, republicanos españois, ciganos, combatentes dos exércitos rivais, sacerdotes, ateos, homes, mulleres… de todo. Non é por ser vitimistas pero calquera persoa podería atopar un colectivo co que identificarse entre os exterminados.

Eu non vos son nada místico e xúrovos que a primeira vez que pasei por Dachau, ía de paso en tren, mentres o tren se detiña nunha estación do máis normal xelóuseme en silencio o corazón. Sen dúbida unha casualidade á que en canto vin o nome do lugar onde estaba lle atopei explicación. E así se fixo un oco na miña memoria, diferenciándose doutros momentos semellantes sen explicación aparente.

Comecei a escribir este post porque é unha obriga e no comentario de Pableras, no anterior post, case que me convidaba a iso. Realmente non quero compartir convosco os sentimentos de ver un campo de exterminio por dentro, inzado de giris coma min e historias realmente fortes tan ben explicadas no seu interior e ademais facendo o esforzo de lelo todo en alemán, que se volve un idioma duro e aínda máis alleo ao ler estas historias. Cada palabra bate no corazón. Non sei se recomendaría a súa visita, son home optimista. O que si que sei é que a visita non deixa indiferente a ninguén. Os alemáns arrastran esta pena e culpa, penso que algún día deberíamos esquecer pero para iso antes hai que coñecer todo na súa inmensa dimensión do odio e do exterminio. Eu realmente non teño palabras. Case vos deixo coas fotos e, se tendes un día para lle dedicar á historia, á reflexión e á humanidade pasade por Dachau e mirade de fronte e aos ollos ao lobo da xente e pregade por que non vos leve consigo a ira nin o medo.

Ser diferente non é punible, non é malo. A maldade está nos ollos de quen clasifica. Renunciar a ser un mesmo é como morrer en vida.