A toluxe do Englischer Garten

19 Xuño, 2010 (22:25) | Imaxes, Múnic

A cidade de Múnic presume de ter parques por toda a parte. E son bastante presumidos os habitantes da cidade pero con certeza é que non lles faltan motivos. Eu, nesta paréntese da miña vida, son un giri en Múnic pero a cidade da miña vida é Compostela. Agora añóroa e a amo a distancia. Encántanme os seus parques como o da Ferradura, o Parque de Bonaval, O parque da música, o paseo polo rio sarela, o monte Pedroso, os parques que che hai detras do Hipercor, a corredoira que vai desde a rúa das Hortas ata San Clemente, os dous Campus… haiche bastante parque pero nada se os comparamos cos inmensos, fermosísimos e tremendamente frecuentados por todo tipo de xente parques de Múnic.

Aquí a xente ten unha maneira de vivir diferente. Se nós en canto temos un tempo, por pouco que este for, xa estamos no bar, lendo o xornal, mirando a tv, escoitando música ou falando cos compañeiros ou camareiro, xogando ás cartas, ou mesmo consumindo ;). O noso deporte nacional é ir ao bar. O dos alemáns é ir aos parques. Así chova, vente, neve ou faga sol, sempre hai xente facendo de todo nos parque de Múnic. Claro está que se sae o sol nacen alemáns de debaixo das pedras, ou como cogomelos en outono. En primavera e verán é tempada de barbacoa. Ala vai todo o mundo coas barbacoas portatiles. Hainas mesmo dun só uso. Nos supermercados habilitan en lugar preferente unha sección de produtos de barbacoa ou picnic. E non é ningunha leria, que pronto quedan sen existencias que vender.

Pois o parque máis grande da cidade é o Englischer Garten (o xardín inglés) que é inmenso. Pódese ir camiñando desde a miña casa ata o centro polo Englischer Garten, e asegúrovos que non vivo no centro! Pois durante todo ano anda cheo de xente a facer footing, xente a pasear en bici, xente que vai aos diferentes biergartens que hai, hai unha onda no río na que durante todo o ano sempre hai alguén facendo surf. Si, si, surf de río. Cando mo contaron a primeira vez eu non o cría e cando presenciei por primeira vez o espectáculo pensei que era un pouco parida, pero mesmo hai un documentario sobre o tema e a xente está moi orgullosa dos surfeiros do río. Unha das fotos máis típicas de Múnic e que todo o mundo pensa que é o primeiro a quen se lle ocurre é sacar un primeiro plano do cartaz onde pon que está prohibido meterse no río cun fondo onde se ve a varias persoas sufeando.

Agora está de moda un deporte que non lembro o nome agora mesmo. Consiste en atar unha corda a unha certa distancia do chan entre dous árbores e facer equilibros sobre ela. Tamén hai moreas de xente que pasea o can, que xoga ao frisbi, que bota ao vento os seus papaventos, xogan ao badminton, ás paletas, ao fútbol. Mires para onde mires ves actividade. Deporte e diversión. Tamén hai os típicos botellóns con cervexas do país, os naturistas, policías a cabalo e estes estraños aparellos colectivos que son como un macrotandem-bar. Unha das vantaxes que eu lle vexo é que ao tempo que bebes cervexa fas exercicio, o que fai que a túa barriga cervexeira non o sexa tanto. Iso si, non me queda claro se este tipo de vehículos teñen que pasar un control de alcolemia, porque desde logo, non habería un só en movemento se os policias estiveran un pouco atentos.

E ben, no fondo este é un post nostálxico, porque imos xa para comezar a segunda semana de orballos sen pausa. Xa non temos sol e bótase de menos esa actividade de parque que ainda hoxe é moita, cando hai sol é masiva. Desculpade a disposición caótica das fotos pero ainda me estou adaptando a isto.