Novo deseño por petición popular

12 Xuño, 2010 (08:10) | Sen clasificar

Visto que é un esforzo visual extra para a xentiña que me le que eu manteña as letras brancas sobre fondo negro onte estiven mirando diferentes deseños alternativos para tentar demostrar que en Múnic son un giri e a maior parte das veces que me falan non me decato de nada pero cando a xente me di algo no meu idioma si que me entero. Non teño escusa e considero máis que suficiente martirizarvos con textos un tanto longos, ás veces desestruturados e caóticos. O estilo dos textos non podo cambialo, porque é así que me saen e así como me gustan. A miña escusa para manter o fondo negro viña sendo (obviamente o meu gosto e) que os monitores gastan menos enerxía con esa cor. O compañeiro Nacho xa me explicou que isto non é así, sobre todo nos monitores dos portátiles, como desde onde eu escribo o 90% das veces. Entón pensei na alternativa de seguir coñecendo xente a través dos comentarios que me piden que mude as cores ou cambialas. Aquí o resultado. É un compromiso que estabelezo con coidar un pouco dos teus ollos, agora se che aumentan as dioptrías non será culpa miña.

Si, é certo, acabo de me erguer e é sábado pola mañá. É por iso que lle dou tantas voltas ao tema. Despois da ducha e de ter mudado definitivamente as cores voume sentir mellor, e máis espelido!
Como son así de cariñoso aproveitei para facer un par de experimentos e colocar un par de fotos na barra lateral. Unha é dun grupo de cidadáns gozando alegremente do contido deste blogue e a outra é unha foto arquetípica muniquesa: A virxe dourada de Marienplatz e detrás as torres da Frauenkirche.

Hoxe fai bo día, levamos case 4 seguidos alcanzando os 30 graos e cun sol castelán, pero segundo todo o mundo conta mañá volve a chover, así que terei que aproveitar o día entre o hof-flohmarkt de Schwabing e pasar un tempo deitado na herba do Englischer Garten. Mañá hai partido de Alemaña e irei miralo con máis xente. Aquí todo o mundo fala do mundial de fútbol como se fose o amigo que vén de visita despois de anos sen velo.

Sen máis que contar, aproveito para desexarche un feliz día e ata que volvas ou eu postee algunha aventuriña nova :)