Vale a penar ficar de olho nesse blog!

1 Xuño, 2010 (20:57) | Sen clasificar

Cando daba a impresión de que non quedaban ánimos para Memes (a ver quen é o ghuapo que me conta de onde se tirou esta palabra e que significa exactamente) no eido blogueiro chega o convite de Ningures para que me some e recomende algún blogue que eu siga habitualmente. Hai uns anos isto era algo do máis habitual pero co tempo foise deixando o hábito, posiblemente pola saturación e reiteración pero como hai xa tempo que non se ve, e dado que son un fervente seguidor de quen me convida, súmome gustoso e recomendo blogues de proveitosa lectura. Disque teño que ligar 10 blogues de interese!!! eu non sei se me dará para tanto a neurona. Todos eles quedan convidados a facer o mesmo.

Contos do País do Solpor: Todo un clásico nos blogues de Viaxes galegos. Unha marabilla que vai publicando cousas novas non a todo correr pero sempre con historias frescas e de calidade.

O recuncho: Un blogue cunha marabillosa selección musical que conta as interesantes aventuras dunha rapaza, agora, en Edimburgo. Lévoo seguindo anos e máis que quero seguilo.

Babelburg: Un blogue excelente elaborado por unha das mans máis eruditas e preparadas que coñezo. A súa lectura é amplamente recomendable. Grazas a este blogue tiven o privilexio de coñecer persoalmente ao seu autor. Non sei eu se é un blogue como para seguir Memes nel… Aínda que si me gustaría ver un post novo. Seguro que non ha tardar moito.

Manuel Fontdevila: Non é propiamente un blogue senón o lugar onde o autor publica en internet as viñetas que fai para o xornal español Público. Non teño ningunha esperanza de que continúe o meme pero penso que se Castelao vivise hoxe en día faría algo semellante ao humor gráfico que aquí se publica diariamente.

Angel en Alemania… Madrid: Un interesante blogue escrito por un incólume aventureiro pucelano que loita por sobrevivir a esta vida,antes na Alemaña e agora nos Madriles.

Confraria 23: Quen queira saber de cervexas máis que os prezos debe tomar en serio a lectura sobre elas. Bebelas todo o mundo sabe.

Mi mesa cojea: O blogue de Jose A. Perez, un guionista vasco que vive en Madrid, sobre actualidade con petiscos finos de humor.

O blog da aula de lingua galega de Tübingen. Dá gusto ler a esta xente, por iso vos convido a lelos e comunicarvos con eles. E tamén a eles a que nos digan que blogs son os que lles gustan.

Fronteiras: Un blogue sobre as fronteiras. As súas historias, fetiches e fotos da realidade actual das mesmas entre Portugal e o resto do mundo ;)

O blog dos leitorados galegos polo mundo: Na nosa lingua, algúns andamos por Baviera e outros por outros recantos do noso mundo. Un mundo máis noso e nós máis do resto do mundo grazas a esta xente.

E ata aquí podo chegar. Quen siga as ligazóns aquí recomendadas estará accedendo a un tesouro que se xa de antes coñecía saberá que o comparte comigo e se é a primeira vez que entra estou seguro de que lle farán pasar un bo momento.